viernes, 23 de abril de 2021

184. A resurrección dos vagalumes

Na conferencia que David Rodríguez deu na Semana de Filosofía de Pontevedra, adicada á Civilización Dixital, o autor (quen non) teima nos seus demonios: a dilución do pobo galego no capitalismo total, absoluto, incontestable dos últimos séculos; e faino cunha potente metáfora histórica e literaria: a desaparición dos vagalumes, insectos que Rodríguez usa coma trasunto do pobo galego, e de tódolos pobos en tanto que sociedades enraizadas na terra e na memoria, pre-capitalistas, orgánicas. As nostalxias polas febles vivas luminarias dos vagalumes xurden como consciencia da diversidade humana varrida pola  normalización capitalista. Porén, alén de nostalxias e metáforas, a cuestión que o fermoso texto presenta é expresa e precisa: conseguirmos a tarefa inxente pero necesaria da resurrección do que eses insectos marabillosos e luminiscentes representan

David Rodríguez prendera xa a súa vista no asunto dos vagalumes desaparecidos en O canastro sen tornarratos, onde cruzan historia e reflexión polo esfarelamento da sociedade galega nas últimas décadeas e a auto-consciencia e defensa contra dese colapso. Neste libro Rodríguez tomaba a metáfora dos vagalumes de Pasolini, quen laiaba a perda dos mundos, falas e culturas vernáculas en Italia por mor dunha modernización quincalleira e vulgar, e en resumo denunciaba o espallamento dunha nova escuridade e pobreza revestida das vivas cores industriais. Desta vez, Rodríguez retomou a metáfora dos vagalumes como base da súa conferencia ao atopala tamén en outro Rodríguez, Castelao, de quen este está a escribir unha nova biografía. E o certo é que a metáfora dos vagalumes é potente e moi suxerente, pois funciona tanto no literario coma no histórico, e foi dándolle voltas a este asunto da desaparición física dos vagalumes -e do espertar das consciencias da súa desaparcición- que artellei unha resposta á súa cuestión da 'resurreción dos vagalumes'. Velaí vai. 




Ngram de Google recolle o interese crecente polos vagalumes nas distintas linguas (o ruso sufriu unha radical modernización gramatical en 1917, por iso semella empezar alí o uso) dende 1800, un interese disparado coa crise de 2008. A interpretación é dobre e un tanto paradoxal: o interese polos vagalumes xurde coa modernidade industrial e ven reforzada coas súas crises. Como sexa e alén do indudable valor das historias particulares -mágoa non Ngram non inclúa o galego-portugués-, a relación dos vagalumes co capitalismo e a súas crises é indiscutible. Ngram non fai senón evidenciar a forza da metáfora que David Rodríguez albiscou. E velaiquí tamén a resposta. Pois, que é este interese polos vagalumes perdidos senón a resurrección do que estes insectos marabillosos representan?      

Estes días atrás, por casualidade, din cunha historia curiosa que permite re-presentar a cuestión. El discurso criollista en la formación de la Argentina moderna conta as bases políticas, literarias e humanas nas que criou e desenvolveu a literatura nacional arxentina a finais do século XIX. E o chamativo do asunto foi que esta literatura nacional, casticista, folletinesca, popular, costumbrista, foi unha exaltación do gaucho polas masas emigrantes europeas que enchían os arrabaldes de Bos Aires. O gaucho, elemento mestizo e rural que xusto por entón desaparecía da vida arxentina, convertiuse en figura mítica co que as masas emigrantes europeas estableceron a súa identificación co país. Deixando atrás o rural europeo, os emigrantes italianos, galegos ou españois atoparon vencello coa gran urbe que se estaba a formar en Bos Aires a través dunha pantasma heroica do rural arxentino. Estas foron as paradoxales realidades literarias que criaron o mito criollo arxentino. 

Na nosa necesidade de voltar á vida aos vagalumes, tamén nós voltamos á terra coma emigrantes. Precisamos tecer un novo vencello coa terra, alén da propiedade e das súas ideoloxías productoras que mataron os vagalumes, nos desarraigaron e nos empobreceron. Como afirma David Rodríguez, estamos á intemperie, e hoxe ameaza Galicia unha choiva áceda que ven da Europa portando miles de millons de euros dun verde eléctrico, fosforescente e letal para os nosos montes, ríos e costas. Unha tupida rede de parques eólicos pretende converter Galicia nun xigantesco polígono industrial para pagar Madrid as súas xigantescas débedas con Bruselas. Porén, o crecente interese literario por eses bechiños proba que os vencellos están a ser tecidos en todo o mundo e tamén nesta terra. Galicia non está baleira.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario